CARTA ÁS FAMILIAS

 

PERIODO DE ADAPTACIÓN CURSO 2009-2010

 

   Benqueridas familias!  

  

   En setembro da comezo un novo curso, o terceiro para esta escola. Moitas crianzas e familias  levades con nós dende o inicio e este será, para as vosas fillas e fillos, o adeus á Escola Infantil.

  

   Como sabedes dende  o principio  defendemos  o carácter educativo deste primeiro ciclo de infantil;  falar só de garda desvirtúa o potencial de aprendizaxe que teñen as vosas crianzas. Os xogos son a mais valiosa ferramenta pola cal, as nenas e os nenos progresan na súa autonomía e coñecemento persoal, forxan a súa identidade e autoestima, e coñecen o mundo que as/os rodea.

  

   Co novo curso unha morea de retos agárdannos a toda a comunidade educativa. O primeiro e principal paso é o período de adaptación. Tralo período vacacional as crianzas incorpóranse de novo ao centro tendo que superar de novo a separación do medio familiar. Respectar a individualidade de cada crianza, os diferentes tempos de adaptación e de elaboración de sentimentos é necesario pola seguranza afectiva das/os pequenas/os.

 

   Quizais pensedes que as vosas crianzas non necesitan deste período  porque veñen en agosto á escola ou porque estiveron tan ben ao longo do curso pasado que non teñen que adaptarse. Sen embargo, é un tempo necesario porque o seu espazo máis vital na escola cambia ao mudar de aula, porque teñen compañeiras e compañeiros novos  cos que vivirán a tristura e anguria inicial da separación, porque toca outra vez compartir o afecto dos adultos, e porque, non o esquezamos, tan só teñen un e dous aniños. 

 

   Queremos ledicia, interese, risa, movemento, actividade, cariño e seguridade para o inicio do novo curso.

 

   A programación de adaptación durante a  semana do 1 ao 4 de setembro será:

                MARTES 1 DE SETEMBRO

       Xornada de portas abertas. Reunión nas Aulas coas educadoras.

       10-11h  grupos 0-1/1-2 anos.

      11-12h grupos de 2-3 anos.

     18-19h grupo da tarde.

 

MÉRCORES 3 DE SETEMBRO

Estancia na escola  cun  familiar; aprox. 30min. as crianzas novas e 2h as crianzas do ano anterior. As crianzas e o familiar personalizarán os seus recantos co material entregado nas entrevistas iniciais. (Pequeno grupo)

 

XOVES 4 DE SETEMBRO.

Obradoiro coas familias en pequeno grupo. Actividade de psicomotricidade grosa. Introdución das  rutinas da aula; galleta, hixiene,.. Aproximadamente 1h as crianzas novas e 2h as crianzas do ano anterior.

 

VENRES 5 DE SETEMBRO.

Actividade de gran grupo no que a crianza  e o familiar que a acompañe  presentan ao resto algún obxecto de apego da crianza. Rutinas de aula.

 

   A persoa que acompañe á crianza neste inicio de curso pode ser a nai o pai, outro familiar ou persoa de apego da crianza.

   Durante esta primeira semana de setembro non teremos servizo de comedor nin merenda. As crianzas  que  se considere poden facer a xornada normal comezarán con ela o 7 de setembro.

  

   A Equipa Educativa do centro entendemos que as vosas circunstancias laborais e familiares poden ser moi variadas pero non podemos deixar de afirmar que esta é a mellor forma de garantir a estabilidade emocional e a autoconfianza das crianzas.

  

   Non dubidedes en comentar, suxerir ou plantexar  en dirección, calquera aspecto sobre este período de adaptación a partir do 18 de Agosto.

 

 

Unha Aperta e Boas Vacacións.

Carolina.