Arquivos de: Novembro, 2008

O Magosto en Poio

O pasado venres 14 de novembro celebramos a tradicional Festa do magosto na nosa galescola.

Levabamos toda a semana preparándoa: As aulas de 0-1 e de 1-2 fixemos uns mandilóns para non mancharnos, cada un co logotipo da súa clase; e as aulas de 2-3, como xa temos máis coidado en non ensuciarnos, decidimos facer unhas cestiñas con material de refugallo para levar castañas ás nosas familias. Nas casas tamén tivemos que traballar un pouquiño axudando aos nosos pais a preparar as castañas para levar á escola o venres.

E chegou o tan esperado día: Todos e todas saímos ao patio (ben abrigadiños porque facía moito frío) a gozar da festa cos/coas compañeiros/as e profes e a poñernos as botas comendo as castañas que trouxeramos das nosas casas.

E entre tanta castaña apareceron os/as nosos/as compañeiros/as da Escola Infantil de Bueu. Que sorpresa tan grata nos levamos, sobre todo porque Vicki, que ata fai un mesiño estaba con nós, tamén viu con eles.

E para rematar todos e todas axudamos a recoller… Iago trouxo o seu propio taper e andaba a coller todas as castañas que atopaba para gardalas e poder compartilas na súa casa con Juanjo.

Lucas e Antía formaron parella durante toda a festa.

Natalia colleu unha cestiña dos maiores para gardar castañas; Héctor aproveitou ata o último momento comendo os restos de castañas que quedaban; Adrián e Martín déronse un agarimoso abrazo de despedida de festa; e Lois, como bo traballador que é, axudou a limpar o chan (creo que o van contratar de PSX)…

Árbore de outono

Os nenos e as nenas de Ratiña Presumida estivemos a experimentar coas follas que caíron das árbores nesta época do ano. Xogamos con elas e logo quixemos plasmar a nosa experiencia sobre o papel pintando unha árbore con pintura de dedos.

Despois desta actividade, decidimos disfrazarnos de árbores coas follas que tiñamos e ser cada un de nós unha ramiña da árbore da nosa aula.

Castaña de chocolate

Outra das actividades que fixemos os maiores da galescola nesta estación do ano, e sen dúbida unha das que mellor nos soubo, foi a da “Castaña de chocolate”.

Pero, uns días antes de experimentar co chocolate tivemos a ocasión de coñecer a castaña. E como non queriamos ser os únicos fomos a ensinarlla ao resto dos/as compis do cole e agasámoslles cunha a cada un deles. Tamén elaboramos unha de papel en tamaño grande e que decora a nosa aula.

Os pasos a seguir para tan delicioso manxar foron moi sinxelos: Primeiro, desempaquetamos o chocolate e o botamos nun cunco. Logo pedímoslle á nosa amiguiña Geni que o metera uns minutiños no microondas… e ta-tá …. o chocolate desfíxose. Así puidemos bañar as castañas neste doce e levar cada un para as súas casas unha mostra para que as nosas familias puidesen probalo.

Ourizos de arxila

Os maiores da Escola Infantil adicámonos a facer un ourizo de arxila. Os ingredientes para o tan logrado resultado foron: arxila, grans de millo e espaguetis.

Castañas de arxila

Na Aula dos Tres Porquiños fixemos unha castaña de arxila, como unha actividade máis do outono. Así, experimentamos modelando o froito e tamén logo dándolle unha nota de cor cos pinceis e a pintura de dedos…

Mural de outono

Na Aula de Cebra Camila fixemos varias actividades relacionadas co outono. Unha das que máis nos gustou foi cando nos deixaron que pintaramos na parede coas esponxas. Pero non vos asustedes porque antes puxemos papel continuo para non manchar nadiña…

Os Garbanciños experimentamos coas nosas mans

Os máis pequeniños da escola quixemos experimentar coas nosas mans e puxémonos mans á obra. Estivemos a pintar con pintura de dedos e tamén a plasmar a nosa man en arxila. Aí vai unha mostra do noso traballo, aínda que a algún de nós non nos gustou moito a experiencia…

Aniversario de Damián

O noso compañeiro Damián, da Aula de Chibos Chibóns da tarde, cumpriu dous anos. Celebrouno cos/coas seus/súas amiguiños/as, que lle agasallaron cunha coroa.

Pasarela de Outono

Nas aulas de Chibos Chibóns e de Coelliño Branco estiveron probándose a roupa desta época e vendo onde tiña que poñerse cada peza: os guantes, a bufanda, o gorro… Aproveitamos esta actividade tamén para traballar un pouco máis a súa autonomía, poñéndose eles mesmos a roupa e intentando abotoarse eles sós os abrigos.

A continuación presentámosvos a Pasarela de Outono-Inverno da Escola Infantil de Poio: Esperamos que gocedes con ela:

Tamén debuxamos un boneco en papel continuo para que as crianzas o vestisen.

Oscar, Xoán e Bassine cumpren 1 ano

Nas Aulas de Cebra Camila e de Ratiña Presumida estiveron de aniversarios: Bassine, Oscar e Xoán, cumpriron un aniño, e quixeron celebralo con nós.

As profes da galescola tamén queremos felicitar a Leila, que aínda que non veu porque está maliña, tamén cumpriu un ano. Parabéns Leila!!!