Hoxe, meus pais espertáronme máis cedo do normal, están un pouco nerviosos e non paran de repetirme: “imos, hoxe é o teu primeiro día de cole“. Os meus pais levan moito tempo falándome do cole, pero eu non sei moi ben o que é.
Puxéronme unha roupa moi bonita, peitearonme e botei un pouco de colonia. A ese lugar débese ir moi guapo. Danme moitos biquiños e achuchóns e lévanme á escola.

Aquel lugar é moi grande e hai moitos nenos e nenas coas súas mamás e papás. É divertido porque coñezo algúns nenos do parque. De súpeto, sae dunha porta unha muller moi simpática. Nese momento, algúns nenos comezaron a agarrarse forte ao colo das seus pais, con cariñas de pucheiros e, sen saber moi ben como,atopeime dentro dunha clase con moitos nenos.

Ese sitio é moi bonito porque hai moitos debuxos, xoguetes, etc., pero os meus papás non están alí e eu ese lugar non o coñezo de nada,… Hai un neno louro nun canto que non para de chorar, unha nena acábase de facer pis e esa que din ser a miña mestra ten outra nena nos brazos e cántanos moitas cancións.


Este lugar non está mal de todo, pero non sei aínda porque me trouxeron aquí, co ben que se estaba na camiña…
Autora: Manuela González Castaño
Algo parecido é o que debe sentir un neno ou nena cando se separa por primeira vez da súa familia, para ir á escola infantil.
Así, nestas idades tan temperás-os vosos/as pequechos/as- necesitan da vosa axuda para que a incerteza e inseguridade que lles provoca este cambio de vida sexa o menos doloroso posible ; conseguindo, así, adaptarse e ser FELIZ no seu novo espazo.
A escola infantil representa unha fase da vida na que nenos e nenas se proban a si mesmos e asumen a medida das cousas. E é o noso deber concederlles o tempo necesario para facelo.
Así, que na nosa escola comezamos co periodo de adaptación!