Arquivado en: Periodo de adaptación

Por fin comezou o curso na escola. Como todos os anos levamos a cabo o periodo de adaptación, momento ó que lle damos moita importancia xa que supón un cambio importante na vida dos nenos e nenas e das súas familias. Para as crianzas supón un momento de separación das súas persoas de referencia, tense que adaptar ó novo espazo, ós adultos cos que se vai relacionar e para iso ten que adquirir unha serie de estratexias que lle permitan pasar este trance con tranquilidade. Por todo isto as educadoras tentamos de que os espazos do centro sexan acolledores e familiares para os nenos-as xa que alí van pasar todo un ano, temos que conseguir que se sintan seguros e confiados con nós e ó mesmo tempo dar apoio ás familias e estratexias para que este periodo se supere e o neno-a veña contento á escola. Durante os primeiros días os cativos-as se incorporaron de forma gradual aumentando pouco a pouco os tempos de permanencia. En todo este proceso é moi importante a colaboración das familias ás que lles temos que agradecer a súa paciencia e a súa colaboración. Case podemos dicir que estamos na recta final da adaptación e que a maioría dos nenos e nenas veñen tranquilos. Non desesperedes familias que en breve os vosos fillos e fillas sentirán que forman parte dunha gran familia.

Por outro lado non é igual a adaptación dos nenos dependendo da súa idade e da súa forma de ser, por iso en todo momento temos en conta as necesidades individuais de de cada un deles.

Aquí vos deixamos uns documentos gráficos para que vexades como discurriu todo.