Arquivo de Abril de 2009

A semana do pan

Escrito por calvario, o 24 Abril 2009 16:22

   Para seguir cos diferentes oficios, esta semana convertímonos en panadeiros, un oficio tan importante antes coma agora. Pero nesta ocasión contamos cunha colaboración moi especial. A nai de Alan, da aula das Xoaniñas, traballa nunha panadería e ela e un panadeiro viñeron á galescola a amosarnos que divertido era facer pan e magdalenas.

     Primeiro preparamos a sala de usos múltiples para esta visita tan importante e despois de que se presentaran, comezamos a traballar coa fariña.

     Logo, o panadeiro amosounos como se preparaba a masa e repartiunos un poco de masa a cada un de nós. Cada nena e neno manipulou a masa, descubrindo o importante que era ter moita fariña na mesa e nas mans para que non se nos pegase!!! As crianzas probaron o rica que estaba e despois déronlle forma para metela no forno.

obradoiro-pan

Ademais, a nai de Alan tamén nos trouxo a masa das magdalenas, que estaba boísima!!! Todas e todos colaboramos con ela para facelas e finalmente, todo para o forno.

madalenas  

 Ese día, o pan e o postre estivo máis rico que nunca!!

E só nos queda dicir: MOITÍSIMAS GRAZAS CATHERINE.

A SEMANA DA ARXILA

Escrito por calvario, o 8 Abril 2009 23:04

     No concello de Vigo, cada 28 de marzo celebran unha festa moi importante chamada “A Reconquista”. Na Escola Infantil quixemos introducir ás crianzas nesa celebración a través dos diferentes oficios que había na época. Por iso, esta semana adicámonos a traballar co barro, coma facían as alfareiras e os alfareiros.

     Para elas e eles foi todo un descubrimento, encantoulles a súa textura e as posibilidades que ofrecía. O primeiro, foi que elas e eles experimentaran libremente coa arxila, que a manipulasen e descubriran todo o que se podía facer con ela para despois, realizar unha estupenda escultura. Tanto á aula dos Parrulos coma á dos Golfiños gustoulles moitísimo esta actividade e por unha semana, puxéronse na pel das alfareiras e alfareiros.