É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos. Unicamente poderá autorizarse a ausencia por causas xustificadas, que se acreditará documentalmente ante a persoa responsable do curso nun prazo de máximo de 10 días despois de que este finalice e que, en ningún caso, poderá superar o 15% das horas lectivas. A ausencia aínda xustificada superior ao 15% do total das horas lectivas suporá a perda do dereito a obtención do diploma.
A falta de asistencia dun número de horas superior ao 15% das horas lectivas sen xustificación ou a falta de acreditación documental da causa alegada determinará non só a perda do dereito ao certificado senón que poderá ser causa de exclusión das convocatorias dos restantes cursos do Plan de formación correspondente ao ano 2009.
Durante a celebración das actividades formativas levarase un control permanente de asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto e, así mesmo, constarán como incidencia as ausencias dentro de cada sesión. Isto implica que o persoal que participe nos cursos terá que anotar a hora de chegada ou saída, no caso de facelo durante a duración oficial do curso, para poder acreditar o tempo que faltou. De non facelo así e realizarse un control de asistencia extraordinario, perderá o dereito a recibir o certificado..
A avaliación dos coñecementos adquiridos polo alumnado realizarase segundo os criterios establecidos no deseño de cada unha das actividades que forman parte do Plan de Formación.
O Certificado acreditativo do curso expedirase unicamente a aquelas persoas que o superen cunha avaliación positiva.
Cando unha persoa seleccionada non poida asistir ao curso para que está admitido/a, deberá comunicar a súa renuncia por calquera das vías sinaladas no apartado 2 desta norma, cunha antelación mínima de tres (3) días hábiles á data de inicio do curso de que se trate.
De non facelo así, agás causa xustificada, no poderá ser admitida a ningunha das actividades formativas integradas neste Plan de formación.
A cobertura das prazas vacantes por baixas realizarase segundo a orde da listaxe de inscrición que para estes efectos constitúese en lista de agarda.
No suposto de que o número de solicitantes a unha actividade formativa sexa inferior ao 50% das prazas convocadas, a administración resérvase o dereito a suspender, modificar as datas ou agrupar varias edicións da mesma actividade. Neste suposto a comunicación ás/aos interesados farase a través da páxina web www.escolasinfantis.net.