Presentación de solicitudes, prazo e documentación.

As persoas que cumprindo os requisitos establecidos para cada un dos cursos, desexen participar en calquera das actividades formativas, presentarán a súa solicitude de acordo co modelo establecido, que poderán descargar na sección de formación da páxina web da Rede Galega de Escolas Infantís (www.escolasinfantis.net).

Xunto co anuncio das actividades formativas concretarase o lugar e as datas de realización de cada unha delas.

A inscrición poderá realizarse por calquera das seguintes vías:

Con carácter preferente a vía de comunicación será a telemática e subsidiariamente as restantes.

  • Vía telemática:
  • Correo ordinario:
    • Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar
    • Equipo de atención educativa
    • Rúa Amor Ruibal, 30-32
    • 15702 Santiago de Compostela
  • Fax:
    • 981 568713

Pasos a seguir na matriculación telemática

A primeira vez que te inscribas nun curso terás que encher un pequeno formulario no que indiques os teus datos persoais así coma os datos do centro no que traballas:

  • É moi importante que enchas correctamente o enderezo de correo electrónico, senon non recibirás ningunha notificación.
  • Ademais tamén terás que escoller un nome de usuario/a e unha clave que che permitirán acceder ao teu perfil para apuntarte en máis cursos ou ver se a túa inscrición se acepta ou non.

Se te queres apuntar en máis de un curso, as seguintes veces xa non terás que volver a encher ese formulario, só terás que acceder ao teu perfil e logo indicar o curso no que te desexas inscribir.

Selección

Os criterios de selección aplicables no acceso ás actividades formativas na modalidade de cursos de actualización científica e didáctica serán os seguintes:

  • Pertenza á categoría profesional á que se dirixe a convocatoria do curso.
  • Orde de presentación das solicitudes por calquera das vías establecidas no presente Plan de Formación.
  • En cada curso reservarase unha praza para solicitantes que presenten o certificado de recoñecemento do grao de minusvalía. En todo caso, o número de cursos sobre os que estes/as solicitantes exercen o seu dereito preferente será como se sinala no punto 5 destas bases.

No módulo 1, terán preferencia todas aquelas persoas que non teñan ningún tipo de formación neste ámbito. Utilizarase como base a escolma de datos feita no formulario enviado as escolas o día 19 de abril de 2010. No caso de que sexa necesario facer algún axuste, as seguintes persoas en ter preferencia serán aquelas que teñan feito os cursos con máis antigüidade. Todas as persoas que asistan a estes cursos non terán preferencia noutros cursos convocados polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Na actividade formativa do módulo 3, formación en centros, serán as persoas que coordinan ditas actividades, as que xestionen os convites e peticións de asistencia, (os asistentes, en todo caso e a efectos de certificación terán que axustarse ás características dos destinatarios do Plan de formación).

Publicación das listaxes de admitidos/as

Comezo do prazo de inscrición 15 días hábiles antes da data de inicio da acción formativa, cunha duración de 5 días hábiles para formalizar a inscrición.

As listas de admitidos/as de cada curso serán publicadas na páxina web www.escolasinfantis.net o venres da semana anterior á celebración do curso.

As persoas seleccionadas recibirán unha notificación automática da súa admisión.

Quero inscribirme

Accede á listaxe de cursos e selecciona o curso que máis che interese.

Para calquera dúbida envíe unha incidencia